Música no Claustro celebra dúas décadas de música, patrimonio e creación na Catedral de Tui

Primeira fila: Joaquín Estévez Estévez, coéngo fabriqueiro da Catedral de Tui; Pablo Fernández López, delegado territorial da Xunta de Galicia; Samuel Diz, director de Música no Claustro; Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui; Jesús Vázquez Almuiña, deputado de turismo da Deputación de Pontevedra; Xacobe Martínez Antelo, representante de AIE (Sociedad de Artistas Intérpretes ou Executantes). Segunda fila: Patricia González, fautista; Lítore Quartet, cuarteto de saxofóns; Sonsoles Vicente, concelleira de Cultura. Fotografía © Tere Freiría.



Música no Claustro celebra a súa XX edición cunha programación que revisita dúas décadas de traxectoria arredor dos valores que definiron o festival dende o seu comezo: a música como espazo de encontro, a investigación e posta en valor do patrimonio, e o compromiso coa creación contemporánea.

Do 1 ao 7 de agosto, a Catedral de Tui acolle sete concertos coa participación de artistas que forman parte da historia do festival. Música antiga, de cámara e contemporánea, flamenco, jazz e músicas actuais dialogan nunha programación con entrada libre que se celebra cada noite, ás 21.00 h, no claustro medieval. En paralelo, Resonancias® Espazo Lutier reúne conversas e obradoiros arredor dos instrumentos musicais, a lutería e a artesanía.

CONCERTOS

Esta edición conmemorativa comeza cun concerto que reúne sobre o escenario a Samuel Diz, Patricia González, Anxo Pintos, Begoña Riobó e Jonatan Alvarado, intérpretes estreitamente vinculados á historia de Música no Claustro. Ao longo da semana regresan tamén artistas que marcaron diferentes etapas do festival, como Guadi Galego, que ofrece en Tui o seu único concerto do verán, e Silvia Márquez Chulilla, que volve á Catedral de Tui xunto á soprano Eugenia Boix para presentar un novo programa arredor do órgano construído por Gerhard Grenzing.

A diversidade de linguaxes musicais continúa a ser un dos sinais de identidade de Música no Claustro. Música antiga, de cámara e contemporánea conviven co flamenco, o jazz e as músicas actuais. A cantaora Laura Marchal e o guitarrista flamenco Víctor Franco regresan á Catedral de Tui da man da Sociedade de Artistas Intérpretes ou Executantes (AIE), mentres que dende Barcelona chega o trío de jazz liderado pola contrabaixista e compositora Giulia Valle xunto ao pianista Biel Harper e á batería Andrea G. Giráldez.

En Música no Claustro, arquivo e investigación xeran un diálogo coa creación contemporánea. Desta forma, Lítore Quartet explora dende a sonoridade do saxofón a polifonía barroca do mestre de capela Matías García Benayas e realiza a estrea absoluta do motete microtonal Lux Glaciei, da compositora Irene Cantos. Silvia Márquez Chulilla e Eugenia Boix afondan no arquivo da Catedral de Tui nun programa de temática mariana, mentres que Jonatan Alvarado recupera o Graduale in Festo Dedicationis Ecclesiae Locus iste, unha peza vinculada á liturxia da dedicación dunha igrexa. Esta monodia formou parte, nun momento da diocese, das celebracións da consagración dun novo templo.

A XX edición de Música no Claustro conclúe co concerto de Sara Areal. Xunto á pianista Andrea Vilar e un ensemble de cordas, a violinista tudense presenta Poema infinito, un proxecto impulsado por Música no Claustro e apoiado polo Instituto de la Juventud (INJUVE). Este proxecto inclúe a estrea dunha nova composición de Carme Rodríguez e nace dunha reflexión persoal sobre a saúde mental.

SAÚDE MENTAL

O concerto de Sara Areal representa a dimensión social de Música no Claustro cun proxecto que reflexiona sobre o benestar emocional, os procesos creativos e as condicións de vida das persoas dedicadas á música. Esta liña de traballo continúa en Ideas Peregrinas coa conversa entre a contrabaixista Giulia Valle, autora do libro Cerebro en equipo: Neurociencia para el desempeño y la motivación en Música y otras artes, e a musicóloga Pilar Serrano Betored, que abordan estas cuestións dende a neurociencia, a creación artística e a perspectiva de xénero.

O acceso libre aos concertos de Música no Claustro é posible grazas ao apoio do Concello de Tui, da Deputación de Pontevedra e da Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Cultura, e á colaboración privada de Cabreiroá, Gadis, Javier Vales e da Sociedade de Artistas Intérpretes ou Executantes (AIE).

RESONANCIAS®, ESPAZO LUTIER

En paralelo aos concertos, Música no Claustro celebra unha nova edición de Resonancias®, un espazo dedicado á lutería e aos instrumentos musicais que inclúe unha conversa arredor das obras de remate do órgano da Catedral de Tui co mestre organeiro Andreas Fuchs, o prefecto de música Daniel Goberna e o xornalista Jose Font. O programa complétase coa presentación da primeira fase do proxecto I+D+i Guitarra, son de madeira galega, impulsado por Música no Claustro e pola Axencia Galega da Industria Forestal.

Ademais, ábrese a inscrición para dous obradoiros de mantemento de instrumentos musicais impartidos por Adrián Vilaboa (vento madeira) e Jose Catoira (corda fretada), así como para un taller de ilustración en caderno con Iria Prol. Estas actividades contan coa colaboración da Fundación Pública Artesanía de Galicia.

Ao celebrar a súa XX edición, Música no Claustro conmemora dúas décadas de actividade e reafirma un modelo cultural no que música, patrimonio, investigación, creación e compromiso social forman parte dun mesmo relato. Un proxecto situado e construído dende Tui que continúa mirando ao futuro coa mesma vontade de diálogo entre a memoria, o territorio e a creación contemporánea.