LUNS 5.AGO. CONCERTO 21h ▪︎◼︎ TRIO DA KALI. MALI.

Concerto no claustro medieval da Catedral de Tui, 21h.
Entrada libre por orde de chegada, sen reserva previa.
Apertura de portas 20h45




Luns, 5 de agosto, 21h
Pre-estrea discográfica
Da Kali
Mali

 TRIO DA KALI 

Música no Claustro acolle o primeiro concerto do novo disco do Trio da Kali, unha publicación baixo a produción de Lucy Durán que sairá ao mercado a finais de 2024 en Remote Records. Hawa Kasse Mady Diabaté, Fodé Lassana Diabaté e Madou Kouyaté proveñen de célebres familias griots e creceron na profunda tradición cultural que se remonta á era precolonial do gran imperio de Mali. Con esta bagaxe natural, o Trio da Kali busca o equilibrio entre a antiga tradición, que é transmitida de forma oral de xeración a xeración dende os séculos XII e XIII, coa introdución de novos elementos e cancións no seu repertorio e estilo.

Neste novo traballo discográfico, o primeiro en solitario da formación, desfrutaremos de cancións coma Orpaillage, na que se advirte dos perigos da extracción informal de ouro e a contaminación que provoca nos ríos e a morte dos cativos. Por outra banda, Nana Triban, rinde homenaxe ao papel que Nana Triban, irmá de Sunjata Keita (fundador do imperio de Mali en 1235) tivo na derrota do rei usurpador Sumaworo, permitindo así a Sunjata gañar a batalla e crear o imperio. Por último, Deme (axuda!) é unha canción fascinante e poderosa sobre as elegantes e coloridas festas que se celebran nas súas de Bamako, capital de Mali dende a que chega o Trio da Kali, para celebrar os matrimonios e outros eventos do ciclo da vida, celebracións que están ameazadas actualmente polo Islam fundamentalista.

O Trio da Kali naceu en 2012 para colaborar co famoso Kronos Quartet na gravación do disco Ladilika, un multipremiado traballo que escoitamos en Galicia no ano 2021 xunto á Real Filharmonía, baixo a batuta de Paul Daniel, no festival Maré. Hoxe celebramos acoller novamente ao Trio da Kali en Galicia, co fito desta estrea dun disco virtuoso e dinámico baseado na herdanza musical da costa noroeste do continente africano, latitude atlántica á que regresamos despois do concerto de Ballaké Sissoko e a conferencia de Lucy Durán en Música no Claustro 23.