Concerto no claustro medieval da Catedral de Tui, 21h.
Entrada libre por orde de chegada, sen reserva previa.
Apertura de portas 20h45
Capacidade 400 + 100 con visibilidade reducida

Martes, 4 de agosto, 21h
Jazz
Concerto
GIULIA VALLE
ANDREA G. GIRÁLDEZ
BIEL HARPER
Giulia Valle é compositora, arranxista e contrabaixista, nacida en Italia e residente en Barcelona. A súa traxectoria sitúaa entre as voces máis persoais, prolíficas e recoñecidas da escena do jazz catalán, cun universo sonoro propio que transita con naturalidade entre a composición, a improvisación e a experimentación. En paralelo á súa actividade artística, é autora do libro Cerebro en equipo: Neurociencia para el desempeño y la motivación en Música y otras artes (Versos & Reversos, 2025).
Xunto ao pianista Biel Harper, Giulia Valle chega a Música no Claustro da man da baterista Andrea González Giráldez, nacida en Tomiño e residente en Barcelona, onde completou a súa formación no Conservatori Superior de Música del Liceu. Trátase do seu regreso ao festival, despois da actuación que ofreceu co Gara Jazz Quartet na edición de 2020.
Giulia Valle e Andrea González Giráldez participaron, ademais, no proxecto de investigación Roma Città Jazz: Mulleres instrumentistas e estereotipos de xénero na escena musical contemporánea realizado pola doutora en musicoloxía Pilar Serrano Betored na Real Academia de España en Roma.
Mércores, 5 de agosto, 12h30
Neurociencia e perspectiva de xénero na práctica musical
Conversa con Giulia Valle e Pilar Serrano Betored en Ideas Peregrinas.
Ao día seguinte do concerto, Giulia Valle e Pilar Serrano Betored participarán en Ideas Peregrinas, ás 12h30, nun encontro arredor da saúde mental, a neurociencia e a perspectiva de xénero no ámbito musical, tomando como punto de partida as súas propias experiencias e investigacións.

