
Catedral de Tui
Martes 4 ao xoves 6 de agosto, de 16h a 20h
Caderno ilustrado Música no Claustro. Obradoiro de ilustración, impartido por Iria Prol
A ilustradora Iria Prol guía este obradoiro de ilustración durante a celebración de Música no Claustro para documentar o festival con ilustracións nun caderno persoal. A arquitectura da Catedral de Tui e os instrumentos musicais son os protagonistas, xunto aos materiais e as ferramentas de construción nas mans das persoas artesás, converténdose en materia de observación e debuxos. Traballarase en formato caderno a través de exercicios breves, bocetos rápidos, debuxo en directo e momentos máis pausados para desenvolver e compartir os resultados. Non se trata de facer debuxos perfectos, senón de aprender a mirar, seleccionar e trasladar ao papel a esencia do que sucede. Cada participante remata a experiencia cun caderno propio: un pequeno arquivo visual de tres días de música, artesanía, patrimonio e creación.
Número de prazas: 10 persoas.
Duración: 12 horas.
Matrícula: 50€ xeral / 40€ Obradoiros inscritos no Rexistro xeral de Artesanía de Galicia. Formulario de inscrición.
>< Martes, 4 de agosto: A Catedral de Tui e os instrumentos de vento madeira. Presentación do grupo e primeiros exercicios de debuxo no claustro e na Catedral. Traballarase a arquitectura, os encadres e os detalles do espazo antes de achegarse ao obradoiro de mantemento de instrumentos de vento madeira. Actividade complementaria, debuxo do concerto ás 21h.
>< Mércores, 5 de agosto: O órgano e os instrumentos de corda frotada. Sesión centrada no órgano e nos instrumentos de corda, nas súas formas, decoracións e texturas. Debuxaranse tamén os xestos e as mans das persoas participantes no obradoiro de instrumentos musicais, combinando bocetos rápidos e páxinas máis elaboradas. Actividade complementaria, debuxo do concerto ás 21h.
>< Xoves, 6 de agosto: O ensaio, o movemento e a crónica final. Debuxo en directo durante o ensaio dunha formación musical no claustro. Traballaranse figuras, movemento e composición, e pecharase o taller revisando os cadernos e creando unha páxina final de síntese. Actividade complementaria, debuxo do concerto ás 21h.



