Venres, 6 de agosto (21.30 h)
Claustro da Catedral de Tui
Aforamento reducido 120 localidades gratuítas.
* Por orde de chegada ao concerto (30 localidades)
![](https://blogger.googleusercontent.com/img/b/R29vZ2xl/AVvXsEjzKv0R4eba9OVo97aC6yEIFk4_PqISQBr4AkWc8QbJUnZ1pmoK0dyZslMwatcsQpeoi0j7nbag2fPTzNx4D7DATKq0tsp8un6onZYj5RraeivMgqvzj_BNe4-utXsTSPFAS1fASg8M4bMU/w92-h41/AIEnRUTa-CLA%25CC%2581SICOS-Nov2019.png)
SERENDIPIA ENSEMBLE
Pequeña tempestad
Serendipia Ensemble é un grupo dedicado á interpretación historicamente informada de músicas do Barroco, do Renacemento e da Idade Media que ten as frautas de bico como instrumentos protagonistas. Fundado por RITA RODRÍGUEZ e MOISÉS MAROTO, o grupo complétase coas percusións históricas de PABLO CANTALAPIEDRA. A formación acádemica de Rita, Moisés e Pablo está vencellada ao mestrado en interpretación de música antiga da Escola Superior de Música de Catalunya – ESMUC.
O seu programa “Pequeña tempestad” busca a miniaturización da creación do universo a partires da obra de teatro “The Tempest” de William Shakespeare. Unha tormenta nun vaso de auga e un barco nunha botella de vidro. Do kahos da orixe á diáspora dos elementos que se unen en harmonía e conseguen festexar o principio do mundo, no que as frautas de bico actúan coma un Deus creador, mediante batallas, danzas, sonatas a dúo, istampittas ou recercatas. Un concerto que Serendipia Ensemble convida a sentir coma se decubrísemos as resonancias do mundo ao través dunha fechadura.
Serendipia Ensemble chega a Música no claustro grazas á Sociedad de Artistas AIE, que renova por cuarta edición consecutiva o seu apoio ao festival. Unha oportunidade de desfrutar da nova xeración da música antiga española no claustro gótico da Catedral de Tui.
Vídeo e fotografías © Gus Abreu