XOVES 6.AGO.26 >< GUADI GALEGO, VIC MOLINER E IAGO CARRO CRIBEIRO ··· Músicas actuais

Concerto no claustro medieval da Catedral de Tui, 21h.
Entrada libre por orde de chegada, sen reserva previa.
Apertura de portas 20h45


Fotografía de © @pacrispa


Xoves, 6 de agosto, 21h
Músicas actuais
Concerto

 GUADI GALEGO, voz e piano 
 VIC MOLINER, baixo e teclados 
 IAGO CARRO CRIBEIRO, batería 

Guadi Galego chegou por primeira vez a Música no Claustro en 2011 co proxecto Espido, xunto a Guillerme Fernández, e regresou nas edicións seguintes con aCadaCanto. Esta formación foi artista residente en Música no Claustro 2013 gravando no xardín da Catedral o EP audiovisual A Rosa d'Adina.

Aquela época foi tamén o inicio dunha traxectoria en solitario que, dende entón, deu lugar a un cancioneiro con máis dun cento de composicións propias. Cunha voz artística profundamente persoal, Guadi Galego construíu un universo musical que homenaxea as mulleres da nosa vida cotiá e do que xurdiron cancións xa incorporadas ao imaxinario colectivo, como Matriarcas ou Chea de vida.

Agora, nun momento de reflexión sobre o camiño percorrido e o legado compartido coa sociedade, Guadi Galego ofrece en Música no Claustro o seu único concerto do verán de 2026. Un recital concibido como un percorrido emocional pola súa obra, no que se volta a sentar no piano —o instrumento co que soñou de nena— para revisitar as súas cancións dende unha nova perspectiva, marcada pola madurez artística e vital.

Neste concerto está acompañada por Vic Moliner, produtor dos seus discos Inmersión (2019), Costuras (2020), Roibén (2021) e Pélago. Cantos oníricos (2025), e polo batería Iago Carro Cribeiro, o seu sobriño, formado no Conservatori Superior de Música del Liceu de Barcelona.