VENRES 7.AGO.26 >< SARA AREAL, ANDREA VILAR E ENSEMBLE POEMA INFINITO ··· Música de cámara

Concerto no claustro medieval da Catedral de Tui, 21h.
Entrada libre por orde de chegada, sen reserva previa.
Apertura de portas 20h45


Fotografía de © Diana Tinoco


Venres, 7 de agosto, 21h
Música de cámara
Concerto

 SARA AREAL, violín 
 ANDREA VILAR, piano 
 RAQUEL AREAL, violín 
 MARTA RODRÍGUEZ OTERO, viola 
 PEDRO CAMPOS FERNANDES, chelo 
 VÍCTOR CHÁVEZ, contrabaixo 

A XX edición de Música no Claustro chega ao seu fin coa violinista Sara Areal. Unha proposta artística que nace no propio festival na que se reúnen experiencias, afectos e aprendizaxes compartidas ao longo destas dúas décadas.

Dende que comezou a tocar o violín aos cinco anos, Sara Areal (Tui, 1996) formouse en institucións de referencia como a Escola Artística do Vale do Ave, en Santo Tirso, a Haute École de Musique de Lausanne, a Escola Superior de Música Reina Sofía de Madrid e a Musik und Kunst Privatuniversität der Stadt Wien. En 2022 obtivo a praza de violín primeiro tutti da Orquestra Sinfónica de Galicia converténdose na primeira muller de orixe galega en formar parte desta formación. Mais estes fitos profesionais tamén estiveron acompañados por momentos de crise, silencios emocionais, desconexión co instrumento e unha fonda reflexión sobre o sentido da vocación artística. Unha circunstancia que podería transcender a numerosas persoas e que leva a reflexión da saúde mental do individual ao colectivo.

Dende ese compromiso social e artístico nace Poema infinito, o primeiro traballo discográfico de Sara Areal, que verá a luz a finais de 2026 no selo Poliédrica. Co apoio á creación do Instituto de la Juventud (INJUVE), o proxecto propón un percorrido por emocións vividas con obras de Ralph Vaugham Williams, Lili Boulanger, Kaija Saariaho, Manuel Quiroga, Eugène Ysaÿe, Arvo Pärt xunto coa estrea absoluta de Poema infinito, de Carme Rodríguez (Ribadeo, 1996), unha obra escrita por encarga para este proxecto. O programa inclúe composicións para violín só, violín e piano, e quinteto de cordas. Para a súa interpretación, Sara Areal conta coa colaboración da pianista Andrea Vilar (Rábade, 1997), a violista Marta Rodríguez Otero (Lugo, 1999), o violonchelista Pedro Campos Fernandes (Lisboa, 1996), o contrabaixista Víctor Chávez (Vigo, 2004) e a complicidade da súa irmá, a violinista Raquel Areal. (Tui, 1999).

Se o 1 de agosto iniciabamos o festival cun concerto que reconstruía a intrahistoria de Música no Claustro dende a súa primeira edición, hoxe abrimos unha nova década na que as novas xeracións marcarán o rumbo a seguir. Saúde!