Festival 2020



Presentamos a XIV edición de Música no claustro, festival de música, patrimonio e creación na Catedral de Tui. Unha decimocuarta edición que se desenvolverá do 1 ao 7 de agosto e que, como calquera persoa poderá imaxinar, estará marcada pola pandemia da COVID-19.

Queremos que Música no claustro sexa un espazo no que as persoas alimenten a súa confianza no futuro máis próximo dende o respecto e a convivencia, coa responsabilidade individual dentro do ecosistema colectivo do que formamos parte. Confiamos no noso público, quen terá que ser partícipe de novos protocolos e dinámicas para a asistenza a cada concerto, en paralelo ao traballo que o equipo de produción, artistas e institucións veñen realizando para convertir o claustro gótico nun lugar seguro. Entre todas e todos temos que bordalo.

Como en cada edición, o prato principal do festival será a música. Sete concertos de música antiga, clásica, contemporánea, popular, moderna e jazz, que darán vida cada serán ao monumento, nun diálogo interxeracional que parte do compromiso de Música no claustro polas novas xeracións.

Coma director artístico e músico darei a benvida ao festival, ao carón do guitarrista portugués Gonçalo Cordeiro, nun concerto no que reflexionaremos sobre a fronteira entre Portugal e Galicia, con músicas de ambas beiras do Miño e, de forma especial, nunha homenaxe ao compositor portugués António Fragoso, falecido prematuramente na pandemia de 1918.

Será o reencontro de diversos artistas co escenario, tras meses de confinamento e de relacións virtuais, revivindo o aplauso e o calor do público. E esa foi a resposta da baterista Andrea González, veciña de Tomiño e integrante do Gara Jazz Quartet, ao noso convite para participar nesta edición do festival: “compartir as cancións e melodías que nos axudaron, día a día, a seguir tocando e estudando na soidade das nosas casas. Pequenos tesouros que noutros momentos nos parecían tan pouco e agora significan tanto”.

Coa música, coma unha das principais identidades de cada pobo, dedicaremos dous concertos á lusofonía. Daremos a benvida a Tcheka, quen chegará a Música no claustro dende Portugal para compartirnos nun recital íntimo unha escolma do seu amplo repertorio, cancións que están marcadas pola súa orixe caboverdiana. En diálogo e dende Santiago de Compostela, recibiremos a Faia, acompañada de Benxamín Otero, co seu primeiro traballo en solitario “Ao cabo leirín”: unha escolma de cantigas tradicionais nas que reivindica o rural, as costumes da cultura popular galega e o papel da muller.

Noelia González regresará dende Carballedo ao claustro da Catedral de Tui coma Premio Novos Talentos 2018, nun concerto no que nos presentará a evolución do acordeón nas últimas décadas, coma instrumento de concerto, sorprendéndonos de novo coa súa esganzadora interpretación.

Coma anfitrións do ciclo nacional AIEnRUTA desfrutaremos do concerto de Miryam Latrece Quartet presentando o seu novo álbum “Quiero cantarte” ao carón de Marco Mezquida (piano), Pablo Martín Caminero (contrabaixo) e Michael Oliva (batería). Á par, recibiremos a clavecinista Inés Moreno, seleccionada en 2018 coma a proposta máis destacada da nova xeración española de música antiga. Será un concerto no que poremos a atención na construcción cultural de Europa con obras compostas ao longo de 250 anos, dende o Renacemento ata a segunda metade do século XVIII.

E nesa ponte musical entre o Renacemento e o inicio do Clasicismo, visitamos o Museo da Catedral de Tui co ollo no medallón bordado en fío de ouro da Cofradía dos Músicos da Catedral, datado en 1747, e no que atopamos un San Roque pintado en tea, con vestidura de peregrino e acompañado iconográficamente, como é habitual, cun anxo e un can cun anaco de pan na boca. A devoción ao santo estivo presente en múltiples cofradías, hospitais e santuarios de toda Europa na protección contra a peste ou calquera tipo de epidemia.

No vínculo co papel do bordado no patrimonio catedralicio, e no diálogo coa creación contemporánea, convidamos a Minia Banet, artesá beneficiaria da última Beca Eloy Gesto de Artesanía de Galicia polo seu traballo en bordado contemporáneo no seu estudo Variopinto. Minia chegará a Música no claustro para ofrecer un obradoiro de bordado sobre fotografía, tomando coma base a colección de fotografías na que o alemán Otto Wunderlich retratou ao Tui dos anos posteriores á Gripe de 1918.

No compromiso polo coñecemento e difusión do patrimonio e historia tudenses presentaremos tres conversas, en formato dixital. Tres conmemoracións que comezarán coa análise da presenza de Tui na centenaria Revista Nós, nunha conversa con Rafael Sánchez Bargiela, historiador e técnico do arquivo, biblioteca e museo do Concello de Tui.

Nos primeiros días de agosto de 1940 o editor Joaquín Díez-Canedo fuxía, entre a vida e a morte, da represión franquista polo Miño cara a Lisboa, cidade da que partiría ao seu exilio mexicano, país no que creou a popular Editorial Mortiz. Un capítulo inédito do que falaremos coa súa filla, Aurora Díez-Canedo, Doutora en Historia e Investigadora do Centro de Estudos Literarios da UNAM, quen nos achegará a faciana máis humana deste editor universal de raíces galegas.

Desfacendo o camiño, agora de Lisboa hacia Tui, descubriremos o paso de Benito Pérez Galdós pola nosa cidade coa especialista Yolanda Arencibia, autora de “Galdós. Una biografía” (Tusquets 2020) e recentemente galardoada co Premio Comillas de Historia, Biografía e Memorias pola súa entrega e estudo á vida e obra do escritor canario, do que conmemoramos neste 2020 o centenario do seu falecemento.

Compartimos con toda a ilusión este programa, feito con cariño e coidado, que será de acceso gratuíto unha vez máis grazas ao apoio e compromiso do Concello de Tui a través da súa Concellaría de Cultura, e da Xunta de Galicia, coa colaboración da Consellería de Cultura e Turismo a través da Dirección Xeral de Políticas Culturais, e a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Fundación Pública Artesanía de Galicia. Unha XIV edición que renova o apoio privado de Cabreiroá e Gadis, así coma de AIE-Sociedade de Artistas, Intérpretes y Ejecutantes.

En especial, o meu agradecemento ao Cabido da Catedral de Tui por abrir unha vez máis as súas portas ao festival Música no claustro nunha edición cun aforamento reducido a 60 localidades, na que o público terá que realizar unha inscrición telefónica previa aos concertos, co uso obrigatorio de máscara, hixiene de mans e mantendo as distancias interpersoais de seguridade. Pequenas medidas que nos permitirán facer realidade o noso gran soño.

#TemosQueBordalo

Samuel Diz
Director artístico