Amosando publicacións coa etiqueta AIE. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta AIE. Amosar todas as publicacións

DOMINGO 3.AGO.25 ✦ GABRIELA GIMÉNEZ ··· Flamenco de raíz

Concerto no claustro medieval da Catedral de Tui, 21h.
Entrada libre por orde de chegada, sen reserva previa.
Apertura de portas 20h45


© Fotografía de David Fernández


✦ Domingo, 3 de agosto, 21h
Flamenco de Raíz
Coa participación de Antón Giménez

 GABRIELA GIMÉNEZ 

A cantaora Gabriela Giménez presenta en Música no Claustro o seu primeiro espectáculo „Flamenco de Raíz", un diálogo entre o antigo e o novo, unha conversación entre o pasado e o recente nun formato íntimo ao carón do guitarrista Antón Giménez.

Gabriela Giménez naceu en Madrid en 2003 e é a artista máis nova que actúa en Música no Claustro 25. Recentemente gañou o segundo premio no Concurso Nacional de cante "Canto de Ouro" de Tres Cantos e actuou no festival Suma flamenca Joven nos Teatros del Canal. É herdeira dunha tradición musical familiar, herdanza umbilical que recibiu a través do baile da súa nai, Estefanía Palacio, e o toque na guitarra do seu pai, Antón Giménez.

O recital do Jouska String Quartet e este concerto conforman o programa impulsado pola Sociedad de Artistas, Intérpretes ou Executantes (AIE) en Música no Claustro, neste caso na presentación de novos nomes da escena flamenca, como anteriormente desfrutamos das cantaoras Laura Marchal ou Ángeles Toledano. ···

VENRES 2.AGO. CONCERTO 21h ▪︎◼︎ LAURA MARCHAL, CON VÍCTOR FRANCO E JESÚS CAMPOS. ANDALUCÍA.

Concerto no claustro medieval da Catedral de Tui, 21h.
Entrada libre por orde de chegada, sen reserva previa.
Apertura de portas 20h45




Venres, 2 de agosto, 21h
Aceitunitas negras
Flamenco
Andalucía

 LAURA MARCHAL, con 
 VÍCTOR FRANCO E JESÚS CAMPOS 

Música no Claustro acolle o debut en Galicia da cantaora Laura Marchal, quen presenta no festival un adianto do seu primeiro traballo discográfico que ten por single o tango flamenco Aceitunitas negras, unha homenaxe ao campo e as súas xentes, persoas que en diversos momentos emigraron á cidade en busca dunha oportunidade laboral. Reflexión e compromiso dun reto demográfico que tanto a Andalucía e Galicia interior e atlántica coñecen de primeira man.

Laura Marchal bebe da tradición para chegar a novos públicos co seu flamenco. As raíces culturais da súa Andalucía natal dialogan co ronsel árabe e sefardí en paralelo ao folclore musical ibérico. Marchal preséntase hoxe ao carón da guitarra de Víctor Franco e as percusións de Jesús Campos, nun concerto que chega a Música no Claustro grazas ao convenio do festival con AIE co que en 2021 tamén desfrutamos da actuación de Ángeles Toledano.

A modo de déjà vu, imaxinemos a Laura Marchal no Certamen de Cante Jondo organizado en Granada no ano 1922 por Manuel de Falla e Federico García Lorca. De ser así, posiblemente tería coñecido a John B. Trend, o hispanista británico que chegaría uns meses despois a Galicia para escribir o seu artigo The music of Spanish Galicia, o primeiro estudo en inglés sobre a música galega e que o martes, 6 de agosto, servirá de fío condutor ao concerto de Pedro Lamas, Germán Díaz e Antonio Romero Cienfuegos.


Luns 2.AGO.21 ::: ÁNGELES TOLEDANO, cantaora flamenca




Luns, 2 de agosto (21.30 h)
Claustro da Catedral de Tui

Aforamento reducido 120 localidades gratuítas.
* Inscrición previa o sábado 31 de xullo, de 10h a 12h, no teléfono 644 035 055 (90 localidades con prioridade de acceso) LOCALIDADES CON RESERVA PREVIA AGOTADAS
* Por orde de chegada ao concerto (30 localidades)

ÁNGELES TOLEDANO
Flamenco

O claustro gótico da Catedral de Tui abre as súas portas a Ángeles Toledano, cantaora estudosa das fontes primarias do flamenco e cunha grande inquedanza polos palos, estilos e letras que caíron en desuso co obxectivo de recuperalas dende unha visión fresca e contemporánea. As alegrías de Pastora Pavón, os tientos da Perla de Cádiz, as bulerías de Antonio el Chaqueta, os cantes por tarantas de Juan Coronel, ou unha nana flamenca de Bernardo el de los lobitos, dialogan neste concerto coa paixón pola poesía de Ángeles Toledano, con letras propias que falan de vivencias e aspectos cotiáns e de actualidade.

Ángeles Toledano naceu en 1995 en Villanueva de la Reina, un pobo da provincia de Jaén na ribeira do Guadalquivir. Viaxa dende Andalucía a Tui acompañada do guitarrista Benito Bernal e dos irmáns Fernando e Álvaro Gamero, quenes coas súas palmas aportan o seu gran de area para facer música flamenca de liña clásica con honestidade e dende o corazón.

O concerto de Ángeles Toledano chega a Música no claustro grazas á Sociedad de Artistas AIE, que renova por cuarta edición consecutiva o seu apoio ao festival. Unha oportunidade para desfrutar por primeira vez en Música no claustro da música flamenca, declarada pola UNESCO Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade.






Vídeo e fotografías © Gus Abreu