Amosando publicacións coa etiqueta Órgano. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Órgano. Amosar todas as publicacións

Mércores 2.AGO. 21h \\ SILVIA MÁRQUEZ CHULILLA, Bach e partituras para órgano do arquivo da Catedral de Tui

Concerto na Catedral de Tui, 21h.
Entrada libre por orde de chegada, sen reserva previa.
Apertura de portas 20h45

© Fotografías de Joaquín Clares e Pilar Morales

Mércores, 2 de agosto, 21h
Splendors et Virtus
Bach e partituras para órgano do arquivo da Catedral de Tui

 SILVIA MÁRQUEZ CHULILLA 
 Homenaxe a G. Grenzing 

A concertista aragonesa Silvia Mázquez Chulilla é a organista en residencia de Música no Claustro 23. Chega a Tui con partituras de Johann Sebastian Bach na maleta para descubrir o pedaleiro enxertado polo mestre organeiro Gerhard Grenzing no órgano da Catedral de Tui e, ao mesmo tempo, interpretar as partituras que soaron neste mesmo templo ao longo dos séculos. Unha residencia artística de investigación no arquivo en paralelo á exploración dos rexistros do principal instrumento da sede tudense.

Catedrática do Real Conservatorio Superior de Música de Madrid, Silvia Márquez Chulilla é especialista en teclas históricas, directora do ensemble La Tempestad e promotora do proxecto audiovisual Iberian Organ Drops. Foi beneficiaria da Beca Leonardo BBVA na modalidade de interpretación para a gravación dos discos Herbania e Harpsichord Concertos publicados pola editora IBS Classical.

Silvia Márquez Chulilla, Andrés Cea, Roberto Fresco, Fernando Buide del Real, Davide Bucci e Montserrat Torrent conforman unha nómina de artistas que descubriron a través de Música no Claustro o órgano construído por Grenzing, maestro organeiro que hoxe nos acompaña neste concerto tras protagonizar a conversa maxistral de apertura do foro profesional Resonancias 23.


PROGRAMA

Johann Sebastian Bach (1685-1750)
Tocata y fuga en re menor "Dórica", BWV 538

Anónimo (s. XVIII)
Pastorela en sol
(Libro de órgano de la Catedral de Tui)
I. Largo
II. Allegro

Anónimo (s. XVIII)
Sonata de lengüetería
(Libro de órgano de la Catedral de Tui)
I. Allegro moderato
II. Adagio Allegro

Luis Pedro Bráviz
El ángel dormido, para órgano barroco español (2005)

Anónimo (s. XVIII)
Sonata en sol
(Libro de órgano de la Catedral de Tui)
I. Allegro
II. Menuet-Trio

Silvia Márquez Chulilla
Splendor et virtus
Apuntes sobre el himno "Te splendor et virtus"
(Cantoral de polifonía IV del Archivo de Música de la Catedral de Tui)

Johann Sebastian Bach (1685-1750)
Preludio y fuga en mi menor, BWV 548



Homenaxe e conversa con Gerhard Grenzing, autor do órgano da Catedral de Tui \\

Homenaxe a Gerhard Grenzing no concerto de órgano de Silvia Márquez Chulilla, mércores 2 de agosto, 21h.
Actividade aberta ao público xeral

Conversa maxistral de apertura do foro Resonancias 23, mércores 2 de agosto, 10h.
Actividade baixo inscrición para público profesional

© Fotografía realizada por Robert Ramos

Mércores, 2 de agosto, 10h
Conversa maxistral de apertura do foro Resonancias, para público profesional baixo inscrición

Mércores, 2 de agosto, 21h
Homenaxe a Gerhard Grenzing no concerto de Silvia Márquez Chulilla, con entrada libre sen reserva previa

 GERHARD GRENZING 

No ano 1995 a sociedade tudense volveu a sentir as resonancias do órgano da Catedral de Tui. O novo instrumento foi construído polo mestre organeiro Gerhard Grenzing, unha das principais referencias europeas na restauración de órganos históricos ibéricos recoñecido co Premio Nacional de Artesanía e Creu de Sant Jordi da Generalitat de Catalunya, e a Medalla ao mérito en Belas Artes na súa categoría de prata polo Ministerio de Cultura e Deporte.

Grenzing naceu en Alemaña no ano 1942 e a súa avoa era pianista. De cativo non abandonaba a igrexa parroquial ata que no órgano soaba a última nota do oficio litúrxico. A fascinación polos sons continuaba no camiño a casa ou a escola, onde o canto dos paxaros ou o zoar do vento nas árbores atrapaban a súa atención. Estas vibracións levárono a petar na porta do obradoiro de Rudolf Von Beckerath en Hamburgo, onde viviu un proceso de formación integral na construción e restauración de órganos.

Tras percorrer diversas cidades europeas investigando o patrimonio organístico, en 1973 instalouse en El Papiol (Barcelona), obradoiro no que construíu os instrumentos que habitan en múltiples catedrais e salas de concertos internacionais. Ao longo destes cincuenta anos, o taller viviu as transformacións tecnolóxicas de cada década mantendo o respecto ás técnicas e criterios históricos como premisa imprescindible.

Un obradoiro de órganos require dun equipo interdisciplinar, no que aos saberes de múltiples técnicas artesanais se sumen os coñecementos artísticos e o deseño científico da arquitectura ou enxeñaría co obxectivo de superar conxuntamente os retos e particularidades de cada instrumento. No caso de Tui, máis de doce toneladas de tubos foron introducidos no espazo reducido da caixa barroca, nun diálogo entre a nova creación do instrumento e a restauración destes retablos históricos. Na actualidade o obradoiro está dirixido pola súa filla Natalie Grenzing, ao carón do maestro organeiro Andreas Fuchs, asegurando a continuidade dun taller clave no panorama internacional da construción de instrumentos musicais.

Gerhard Grenzing regresa a Tui ao carón da súa dona, a artista María Teresa Barbens Conte, a quen Grenzing define como «unha persoa coa visión e orientación moi clara, sendo o motivo principal de que eu viva en España xunto ao atractivo dos órganos ibéricos». Dende Música no Claustro agradecemos a Gerhard Grenzing e a súa familia a ilusión coa que inmediatamente responderon para ofrecer a conversa de apertura do foro profesional de instrumentos musicais RESONANCIAS 23, unha iniciativa impulsada pola Fundación Pública Artesanía de Galicia.


Xoves 5.AGO.21 ::: Residencia artística de DAVIDE BUCCI, órgano




Xoves, 5 de agosto (21.30 h)
Órgano da Catedral de Tui

Aforamento reducido 120 localidades gratuítas.
* Inscrición previa o sábado 31 de xullo, de 10h a 12h, no teléfono 644 035 055 (90 localidades con prioridade de acceso) LOCALIDADES CON RESERVA PREVIA AGOTADAS
* Por orde de chegada ao concerto (30 localidades)



DAVIDE BUCCI
Órgano

O órgano da Catedral de Tui é un instrumento de grande recoñecemento por intérpretes internacionais. O novo instrumento, construído por Gerhard Grenzing, foi instalado en 1995 dentro do monumental moble histórico do século XVIII. Despois de 25 anos nos que se realizaron puntuais tarefas de mantemento e afinacións, o Cabido da S.I. Catedral de Tui acaba de acometer unha limpeza profunda do órgano. Este proceso, realizado polo propio obradoiro de Grenzing, favorece a conservación preventiva dun dos principais instrumentos do patrimonio cultural galego.

Para celebralo, Música no claustro convida ao músico italiano Davide Bucci a unha residencia artística de nove días na Catedral de Tui que finaliza con este concerto. Organista polo Pontificio Istituto di Musica Sacra do Vaticano, a formación de Davide Bucci (Tarento, 1992) está vencellada ao mestre Federico del Sordo, así como as súas especializacións en música romántica con Roberto Marini e en improvisación organística con Theo Flury. Actualmente, Davide Bucci é organista substituto na Basilica di Santa Maria Maggiore de Roma.

Davide Bucci chega a Tui con partituras de Antonio de Cabezón (1510-1566), Domenico Zipoli (1688-1726) ou Johann Sebastian Bach (1685-1750) na súa equipaxe, xunto á Sonata núm.3 para órgano de Felix Mendelssohn (1809-1847). O repertorio final do recital é o resultado do seu encontro co órgano durante esta residencia artística, nunha exploración de rexistros e sonoridades. En paralelo, Davide Bucci indaga no legado musical e documental da Catedral. Partituras históricas sobre as que crea unha improvisación ex professo coa que remata a exploración das resonancias pétreas do templo.


Repertorio do concerto seleccionado durante a residencia artística

Domenico Zipoli
(1686-1727)
Sonate d’intavolatura per Organo e Cimbalo, Op. 1
Quattro versetti in re minor
Al Post Comunio

Johann Sebastian Bach
(1685-1750)
Vater unser im Himmelreich
BWV 636

Der Tag, der ist so freudenreich
BWV 605

Präludium und Fuge h-moll
BWV 544

Jakob Ludwig Felix Mendelssohn-Bartholdy
(1809-1847)
Orgel-Sonate op. 65/3
Con moto e maestoso
Fuga
Andante tranquillo

Davide Bucci
(1992)
Improvisación en “Stylus phantasticus”

Suite Gregoriana sobre os temas da Missa IX (Cum Jubilo)

Improvisación sobre temas gregorianos extraídos do San Telmo proprium missae
(Cantoral núm. 6 do Arquivo catedralicio)

Improvisación sobre temas gregorianos extraídos do proprium missae do Apóstol Santiago
(Cantoral núm. 6 do Arquivo catedralicio)




Vídeo e fotografías © Gus Abreu

BELÉN BERMEJO e ANDRÉS DÍAZ ::: Foro profesional de Instrumentos musicais #RESONANCIAS

4 e 5 de agosto no Claustro gótico da Catedral de Tui


Programa completo




BELÉN BERMEJO e ANDRÉS DÍAZ ::: Santiago de Compostela


presentan Catalogación e divulgación dos órganos de Galicia

Os órganos históricos conforman unha das principais coleccións do patrimonio musical galego. Entre eles atópase o da Catedral de Tui, do século XVIII, restaurado en 1995 por Gerhard Grenzing. Ante a falla de organeiros galegos ao coidado deste legado, Belén Bermejo e Andrés Díaz comezaron en 2007 a confección dun inventario e catálogo para o recoñecemento destes instrumentos, xunto a súa divulgación nos festivais Espazos Sonoros ou De Lugares e Órganos, entre outras iniciativas.


www.sirgotorcendo.com






FORO PROFESIONAL DE INSTRUMENTOS MUSICAIS

Claustro gótico da Catedral de Tui
4 e 5 de agosto de 2021
#RESONANCIAS


co patrocinio da Xunta de Galicia, a través da

 Fundación Pública Artesanía de Galicia


e a colaboración das empresas Adegas Galegas, Cabreiroá, Gadis e Guitarras Ramírez; as asociacións Gremio de Luthieres y Arqueros de España (GLAE) e Instrumenta; así como da Concellaría de Cultura e Ensino do Concello de Tui, o Museo de Pontevedra, o Centro de Innovación e Servizos Tecnolóxicos da Madeira de Galicia, a Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia e a Subdirección Xeral de Xestión e Coordinación dos Bens Culturais do Ministerio de Cultura e Deporte.